Skip to main content.

29.01.2010 OS MELLORES DE GALICIA EN BAILES LATINOS

ANDREA FERNÁNDEZ, ALUMNA DE 4ºA

Na foto podedes ver a parella de baile formada por Andrea Fernández Vega, alumna de 4ºA do noso centro, e o seu compañeiro de baile David Díaz. Ambos acudirán ao Campeonato de España 10 Bailes que se celebrará en Alcorcón os días 6 e 7 de febreiro. Actualmente Andrea e David son a parella galega mellor posicionada no ránking nacional de bailes latinos correspondente á categoría youth, de 16 a 18 anos.
A noticia ven publicada no diario La Voz de Galicia de hoxe, dentro da sección La Mirilla, de onde tomamos a foto que vedes máis arriba.

22.01.2010 RUTAS LITERARIAS

O noso Instituto foi seleccionado para participar nas Rutas Literarias que organiza o Ministerio de Educación polo que os alumnos de terceiro da ESO farán, durante sete días (do 8 ao 14 de marzo), un percorrido por Toledo e Salamanca coñecendo mellor á Celestina e ao seu autor Fernando de Rojas.

Somentes catro institutos galegos foron admitidos para realizar as Rutas así que.....noraboa a Sandra Fernández Vales polo seu proxecto e a todo o Departamento de Lingua Española.

Os mesmos alumnos foron tamén seleccionados para realizar unha ruta en Portugal coñecendo o territorio de Melgaço durate os días 5 e 6 de Maio.

Así que estamos viaxeiros e non paramos!!!!!Qué sorte teñen os de 3º!!!!

22.01.2010 III CONCURSO “IGNACIO LÓPEZ BUENO” DE PRESENTACIÓNS INFORMÁTICAS

CARTEL
Pulsa na imaxe para baixar o cartel

Un ano máis convócase o Concurso "Ignacio López Bueno" de presentacións informáticas que, neste ano internacional da Diversidade Biolóxica, estará adicado ao tema seguinte: Biodeversidade Galega.

O concurso vai dirixido aos alumnos e alumnas de ESO, BACHARELATO e  CICLOS que estean matriculados no presente curso 2009-2010 en centros de GALICIA. Cada un dos participantes deberá acompañar o seu traballo dun certificado de matrícula nalgún dos centros da nosa Comunidade Autónoma.

Os traballos consistirán nunha presentación informática na que se poderán incluír  fotos, vídeos, música, etc... e que xirará en torno riqueza natural de especies que queremos que perduren para o futuro, e terán como data límite para a súa presentación o día 26 de Marzo do 2010. A entrega poderá realizarse personalmente, na Secretaría do centro, por correo ordinario ou por correo electrónico.

Establécense dúas categorías: unha para alumnos da E.S.O. e outra para alumnos de BAC e FP. Para cada categoría haberá un premio dotado con 150 € en material informático, audiovisual (cds, películas, etc) ou libros e o correspondente diploma.

O fallo do concurso darase a coñecer o día 13 de Abril do 2010  e será publicado  no taboleiro do centro e nesta páxina web.
A entrega dos premios correspondentes realizarase nun acto que se levará a cabo na Sala de Usos Múltiples do centro o día 16 de Abril do 2010 ás 12.10 da mañá.

O Xurado estará constituido polos seguintes membros:

O Secretario, a Vicedirectora, o Xefe de Departamento de Plástica, 1 profesor de Informática,  o Xefe de Departamento de Física e Química , o Xefe de Departamento de Ciencias  e un membro do persoal non docente.

O fallo será inapelable podendo quedar deserto  algún dos premios se o xurado  así o considera.

Os traballos presentados non se devolverán e  poderán ser publicados na páxina web do Instituto.

Podedes descargar as bases completas do concurso en formato PDF premendo aquí.

22.01.2010 1 EURO POR HAITÍ

Ante a traxedia surxida en Haití o I.E.S. "TERRA DE TRASANCOS" non podía quedarse de brazos cruzados.

É por iso que comezamos unha campaña solidaria de recollida de cartos na que poden colaborar  alumnos, pais e profesores .

O prazo finaliza o vindeiro martes día 26, e a cantidade recadada ata esa data será ingresada na conta da CRUZ VERMELLA.

GRAZAS anticipadas pola vosa solidariedade!!!!!!

19.01.2010 CONCURSO EUROESCOLA 2010.

Como cada ano, a Oficina do Parlamento Europeo en España convoca unha  nova edición do Concurso Euroscola. Con el búscase a participación dos mozos e mozas no proceso de integración europea así como ofrecer información completa sobre os organismos, funcións, obxectivos e personaxes clave na creación e desenvolvemento da UE.

Coincidindo co  Ano Europeo da Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social 2010, o tema central desta edición terá por obxectivo concienciar a mocidade sobre este grave problema e fomentar o voluntariado.

Para participar é necesario inscribirse por equipos, que estarán formados por 10 alumnos de entre 15 e 18 anos, e un profesor responsable que será o líder. O plazo de inscrición finaliza o día 1 de Marzo.

Podedes consultar toda a información aquí.

18.01.2010 A UNIVERSIDADE QUE VEN: O ESPAZO EUROPEA DE EDUCACIÓN SUPERIOR.

Como é ben coñecido, un total de 46 países de Europa están adheridos a un proxecto de unificación que recibe a denominación de ESPAZO EUROPEO DE EDUCACIÓN SUPERIOR (EEES). A finalidade é unificar os diferentes sistemas educativos superiores de Europa e acadar un sistema universitario compatible con titulacións recoñecidas en todas as universidades implicadas.

Hoxe queremos recomendarvos dúas páxinas que conteñen unha completa información acerca do tema que nos ocupa:

16.01.2010 PROBAS DE ACCESO A CICLOS FORMATIVOS 2009-2010

No Diario Oficial de Galicia de onte día 15 de Xaneiro, aparece publicada a orde do 11 de xaneiro de 2010 pola que se regulan as probas de acceso a ciclos formativos para o presente curso académico.

Podes descargala aquí.

13.01.2010 PROBAS DE ACCESO Á UNIVERSIDADE 2009-2010

No Diario Oficial de Galicia de onte día 12 de xaneiro, aparece publicada a orde do 16 de decembro de 2009 pola que se regulan as probas de acceso á universidade para o presente curso académico.

Podedes descargala aquí.

11.01.2010 FOTOS DO CIRCUITO

Tendes no album de fotos o resumo fotográfico do Circuito Matemático deste ano.
Os gañadores foron os seguintes:

1º Premio para o equipo formado por Silvia de Paz Muíño, Silvia, Iván Sixto López, Iago González Alonso, Brais Freijomil Amado, Sabela Bollo Lorenzo, Ignacio Crespo Pita e Verónica Gomollón Guevara, alumnas e alumnos de 2º A.

2º premio para o equipo formado por Iris Suárez Gacio (EEC), María Armesto Mahia (EEC), Alkén Blanco (1º Bach. A), David Carballeira López (1º Bach), Tania Fonticoba (1º Bach) e Sheila Adán Sheila (1º Bach).

3º premio para o equipo formado por Andrea Fernández (4º ESO A), Laura Carregal Laura (4º ESO A), Jessica Vergara (3º ESO B), Néstor Maroño (4º ESO B), Jorge Cagiao Jorge (PCPI), Melanie Arias (4º ESO A) e Lucía Cheda (4º ESO A).

4º premio para o equipo formado por Daniel Cobelo (PCPI), Mario Becerra (PCPI), Manuel Porta (3º ESO B), Sonia Bouza (3º ESO B), Antía Hormigos (3º ESO B), Samantha Sotelino (3º ESO B), Eyler Arenas Eyler (4º ESO A), Ana Queipo ( 2º ESO B), Fiz Patiño (2º ESO B) e Naiara Pérez (3º ESO B).

18.12.2009 APRENDER A ESTUDIAR

Neste enlace que vos presnto hoxe atoparedes moitos instrumentos para mellorar o voso rendemento académico. Trátase dunha paxina que coñecín fai tempo, do profesor Raúl Martínez (que xa vedes pola súa páxina que ten outras moitas cousas de interese) do Colexio Villa de Móstoles.

Na miña opinión é unha páxina completísima e moi amena, que vos recomendo encarecidamente.

Estou seguro que, sobre todo, resultaravos de gran interese (e moi ilustrativo) o apartado 17 (desplegando o Menú Rápido), que vos exercitará nas habilidades necesarias para lograr o que todo mundo tanto anhela: "Aprobar sin estudiar"... Xa veredes que ben.

A ver que vos parece a vos.

Incorpóroa á lista de ligazóns.

Web Aprender a Estudiar

04.12.2009 GAÑADORES DO CONCURSO LITERARIO DA BIBLIOTECA

Xa temos relato gañador do conurso literario das Ánimas da Biblioteca. Trátase do presentado pola alumna de 1º ESO A Carolina Castro Parada, de 1º ESO A.

O Xurado decidiu tamén otorgar un accésit ao traballo presentado pola tamén alumna de 1º ESO A Alba Fernández Rodríguez.

Premendo na imaxe podedes baixar o relato gañador, en formato PDF.

27.11.2009 OS INNOVEITORS

“Os Innoveitors” é un cómic sobre a importancia da innovación nas empresas para acercar a I+D+i aos alumnos de toda Galicia, que serán sen dúbida os directivos i empreados das empresas do futuro.

Esta actividade foi desenvolvida pola Fundación Innovapyme Galicia, coa colaboración do Ministerio de Ciencia e Innovación e da Dirección Xeral de I+D+ì de la Xunta de Galicia.

Consta de 16 páxinas a todo cor nas que se explica de forma amena os conceptos relacionados coa innovación e a I+D+i, aportando exemplos de produtos innovadores e casos de éxito de empresas galegas.

Inclúe tamén unha pequena guía sobre cales son os axentes da innovación de Galicia, así como pasatempos sobre a innovación.

Facendo clic na imaxe iredes á paxina dos Innoveitors, na que teredes toda a información e poderedes baixar o cómic.

13.11.2009 OLIMPIADAS GALEGAS DE QUÍMICA

O Colexio de Químicos de Galicia, igual que en anos anteriores, convoca, para o curso 2009-10, as Olimpiadas Galegas de Química nas súas versións:

A Comisión de Enseñanza do Colexio de Químicos de Galicia organizadora destas actividades invítanosa participar nesta nova convocatoria.

Toda a información, en formato PDF, queda na páxina do Departamento e podes baixala dende aquí mesmo.

Contacto para unha maior información:
comision.ensinanza@colquiga.org
comision.ensinanza@gmail.com

09.11.2009 CELEBRACIÓN DO MAGOSTO


O pasado día 6 de Novembro realizouse no noso centro un Magosto e todos puidemos degustar castañas e leite.
No noso album quedan as fotos para que vexades o ben que o pasamos.
Tamén quero destacar que o comportamento  e a colaboración dalgúns rapaces e rapazas de 1º de Bacharelato e 3º de ESO fixeron posible que todo saíra de marabilla, eles encargáronse de facer o cucuruchos,un mural, servir a leite e as castañas e tamén de recoller cando rematou todo.
Así da gusto!!!!!!

NOTA: Tamén podedes ver algunhas fotos da actividade da biblioteca dende aquí.

04.11.2009 CRÓNICA DAS ÁNIMAS DA BIBLIOTECA

Cumpríndose tódalas previsións, estes días  saíron visitarnos as Ánimas da Biblioteca.

Primeiro  tiveron un encontro na biblioteca con rapaces e rapazas de 1º e 2º ESO, que as achegaron ao mundo dos vivos coa lectura.

Despois houbro a proxección unha curtametraxe de animación e por último as ánimas tiveron a delicadeza de saír  visitar a tódolos alumnos do centro deixándolles como agasallos algúns textos divertidos, curiosos, entretidos….que ata agora estaban poeirentos nos andeis da biblioteca.

Estade atentos, quizais estean uns días máis entre nós e se as tratamos ben decidan non deixarnos. Dende a biblioteca convidámosvos a que coas vosas lecturas durante todo o curso, durante a vosa vida, no centro ou fóra, deades vida a todas esas ánimas adormecidas en miles de libros que están agardando por vós.

        Saúde e boas lecturas!!

En BiblioTrasancos tedes información máis detallada así como as bases dun concurso de creación literaria.

03.11.2009 O CAMIÑO INGLÉS: PRIMEIRA ETAPA


O sábado 31 de Outubro un ilusionado grupo de alumnos, profesores e pais nais do Terra de Trasancos comezamos a nosa aventura. Estabamos un pouco preocupados polo tempo, pero lonxe das previsións tivemos un tempo estupendo.

Pasámolo moi ben e descubrimos partes do Concello que nin sequera coñecíamos, o muíño das aceñas, os camiños que nos levarían a Neda, bonitas paisaxes en Fene, os bosques de Vilar do Colo , a beleza de San Martiño do Porto ata chegar a Pontedeume...

Polo camiño atopamos xente que animábannos ao pasar e ata a nosa compañeira Sagrario saiu recibirnos cunhas riquísimas rosquillas que nos deron forzas para seguir. Somentes tivemos a baixa dunha nena que non poido seguir pero podo dicir que todos foron e fumos supervalentes e chegamos a Pontedeume cansados pero antes da hora prevista onde tamén nos agardaba a nosa compañeira de Francés Ana.

Quero sinalar que o comportamento por parte dos alumnos foi intachable, os pais portáronse moi ben con todos nós, dar tamén as grazas a esa nai que nos seguiu case todo o camiño, a protección Civil pola súa axuda e consellos e por suposto aos nosos compañeiros por participar neste proxecto do que ninguén saiu arrepentido.

En resumo unha experiencia fantástica que agardamos repetir o próximo 30 de Xaneiro onde percorreremos o camiño dende Pontedeume a Betanzos.
(Crónica de Graciela Galdo)

Xa podedes ver e baixar as fotos da xorndad dende aquí.

02.11.2009 NOVEDADES EN WebTrasancos

  1. Xa podedes baixar dende a páxina do departamento de Física os resumos das novas programacións dos diferentes cursos.
    Están dentro da páxina do Departamento, en Alumnos/Programaciones. Preme aquí para acceder directamente.

  2. Os alumnos de MÚSICA de 4º da ESO veñen de estrear un novo blog que se chama Aula de Música. Será o noso caderno de ruta e nel iremos colgando traballos, recursos e ferramentas moi útiles e interesantes. Estades todos convidados a visitalo. No sucesivo poderedes acceder a el dende o menú de Departamentos.

  3. Tamén os alumnos de Cultura Clásica de 3º e 4º están de estrea. A súa bitácora aínda está en obras pero aquí queda o enderezo para que vaiades vendo un avance.

29.10.2009 PERCORRENDO O CAMIÑO INGLÉS

Como sabedes os rapaces de primeiro da ESO están traballando nun proxecto interdisciplinar que ten como referente o Camiño Inglés.

Como complemento ao mesmo van realizar o Camiño Inglés en varias etapas ao longo do curso escolar. A primeira delas sae o sábado día 31 de Outubro do Porto de Ferrol , chegaremos a Pontedeume.

Ademais o Concello tamén colabora con nós e facilitounos o autobús para que volvamos dende Pontedeume a Ferrol. 

Imos ir casi 70 persoas nesta marcha entre alumnos, pais e profesores polo que estamos moi contentos e ilusionados co proxecto posto que nos imos convertir en auténticos peregrinos.

Esperemos que todo saia ben.

 Ánimo peregrinos!!!!!!!!!!

28.10.2009 AVISO IMPORTANTE AOS LECTORES VIVOS...



Cando
os arquivos do trasno
petan na porta pola noite
coas mans do medo,
suben
ao monte das ánimas
contos de lobos e outros relatos.

Estade atentos, porque os trasnos de 1º e 2º ESO, coas súas lecturas durante a primeira semana de novembro, poden facer espertar As ánimas da biblioteca  e darlles vida para que saian a visitarnos  polo centro
Se vos atopades polos corredores coa negra sombra de Rosalía, co corvo de E.A.Poe ou con Fiz de Cotobelo acompañando a W. Fernández Flórez, non fuxades; quizais vos traian novas importantes.
Ollo a quen levades ás vosas costas! O que avisa…
Ata pronto!

21.10.2009 ADIVIÑA QUEN CANTA: CONCURSO MUSICAL

Iniciamos un novo concurso que esperamos resulte do voso interese. A mecánica e ben sinxela: trátase de adiviñar un tema musical do que, en principio, aparecerá somentes un pequeno fragmento.

Para coñecer as normas e participar, poderedes facelo dende este blog creado para ese fin.

No sucesivo poderedes acceder dende a ligazón que aparece na barra da esquerda.

08.10.2009 ACTIVIDADES PARA O PRIMEIRO TRIMESTRE

Ao longo do primeiro trimestre do curso está prevista a realización das actividades seguintes:

14.09.2009 INICIO DO NOVO CURSO 2009-2010

O vindeiro xoves día 17, ás 16:30 horas terá lugar no Salón de Usos Múltiples do centro a Xornada de Acollida. Neste acto serán recibidos pola dirección do centro os alumnos da ESO que acceden por primeira vez ao noso Instituto.

O venres día 18, ás 8:30, empezarán as clases para o alumnado da E.S.O, do Bacharelato e de Ciclos de Formación Profesional.

Tamén empezarán ese día as clases para os alumnos do Programa de Cualificación Profesional Inicial (PCPI) de "Instalacións Electroténcicas e Telecomunicacións", que se impartirá por primeira vez no noso centro neste curso académico.

Noticias do Arquivo